O Colexio de Médicos de Pontevedra abre expediente a unha colexiada por declaracións negacionistas da pandemia

Pontevedra
22 de agosto 2020

A comisión de deontoloxía médica do Colexio Oficial de Médicos abriu un expediente a Natalia Prego polas declaracións realizadas durante o confinamento e estudará se se abre un expediente disciplinario pero, de momento, non se adoptou ningunha resolución. Pertence á organización negacionista Médicos por la Verdad

Colexio de Médicos de Pontevedra / IMAXE DE ARQUIVO
Colexio de Médicos de Pontevedra / IMAXE DE ARQUIVO / Daniel Santomé

A comisión de deontoloxía médica do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra abriu un expediente á médica de familia Natalia Prego polas declaracións negacionistas sobre a pandemia realizadas durante o confinamento. 

Desde o inicio da pandemia do coronavirus, esta profesional colexiada en Pontevedra difundiu vídeos e audios negacionistas que, en moitas ocasións, volvéronse virais nas redes sociais e grupos de WhatsApp. Difúndeos tanto a través da súa canle de Youtube como dentro da organización  negacionista Médicos pola Verdade.

O expediente que mantén aberto o Colexio de Médicos pontevedrés comezou con declaracións realizadas durante o confinamento, sen que transcendese exactamente cales. De todas maneiras, cabe sinalar que as súas declaracións continuaron no mesmo ton unha vez superado o estado de alarma e as últimas son desta mesma semana

Fontes oficiais do órgano colexial si relataron a PontevedraViva que o expediente está aberto e que estudarán se se abre un expediente disciplinario pero, de momento, non se adoptou ningunha resolución. 

Prego exerce como médico de familia e conta cunha canle de Youtube con máis de 50.000 subscritores no que se define como médico especialista en medicina comunitaria, medicina familiar, nutrición e fitoterapia e que utiliza para difundir algunhas das charlas nas que participa e para realizar afirmacións negacionistas.

Nestes vídeos, a médica colexiada de Pontevedra pon en cuestión as probas PCR utilizadas para detectar o coronavirus e carga contra as autoridades sanitarias polas medidas adoptadas para evitar a expansión da pandemia. Ademais, avoga por non utilizar a máscara, sobre a que todas as organizacións médicas oficiais e autoridades sanitarias afirman que resulta unha medida eficaz para reducir a propagación da covid-19.