O colexio de Rubiáns, finalista nacional do Premio á Acción Maxistral 2017

O Salnés
14 de setembro 2017

O colexio de Rubiáns foi elixido na categoría de Infantil e Primaria xunto a outros tres centros procedentes de Castela e León, Madrid e Comunidade Valenciana

Proxecto "O mar de Sabela" do CEIP de Rubiáns
Proxecto "O mar de Sabela" do CEIP de Rubiáns

O proxecto "Mar de Sabela" presentado polo CEIP de Rubiáns de Vilagarcía de Arousa foi seleccionado finalista nacional do Premio á Acción Maxistral 2017, convocado pola Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD), a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO e o BBVA.

O colexio de Rubiáns foi elixido na categoría de Infantil e Primaria xunto a outros tres centros procedentes de Castela e León, Madrid e Comunidade Valenciana.

No premio -que celebra este ano a súa décimo terceira edición- puideron participar docentes que realizan proxectos educativos de promoción de valores sociais. Presentáronse un total de 389 proxectos educativos, 48 deles galegos, que se desenvolveron durante o curso 2016-2017.

O "Mar de Sabela" é un proxecto de carácter globalizador que ten a finalidade de fomentar o consumo de produtos do mar e conseguir que os alumnos valoren e respecten o medio mariño, tomando conciencia da súa importancia a nivel social, económico e ambiental.

A través desta iniciativa, que involucra a todos os niveis educativos, especialidades e equipos de traballo, preténdese que o alumnado aprecie a riqueza e variedade do patrimonio cultural, respectando a súa biodiversidade e favorecendo a súa conservación.