O colexio de Verducido, nomeado Centro Embaixador de Save the Children

Pontevedra
13 de xuño 2016

Juan Guilló, Responsable de Mobilización Social de Save the Children España, entregará unha placa de recoñecemento ao centro polo seu traballo e compromiso coa infancia máis desfavorecida a través de distintas actividades solidarias, contribuíndo así á sensibilización dos alumnos do centro e dos seus familiares

Alumnos da escola de educación infantil de Verducido
Alumnos da escola de educación infantil de Verducido / EEI Verducido

O colexio de Verducido será nomeado Centro Embaixador dos Dereitos da Infancia da ONG Save the Children. A cerimonia terá lugar no propio centro escolar, este martes 14 de xuño.

Juan Guilló, responsable de Mobilización Social de Save the Children España, entregará unha placa de recoñecemento ao centro polo seu traballo e compromiso coa infancia máis desfavorecida a través de distintas actividades solidarias, contribuíndo así á sensibilización dos alumnos do centro e dos seus familiares.

Desde hai anos a escola de educación infantil de Verducido demostrou o seu compromiso solidario a través de "Quilómetros de Solidariedade", carreira nas que os alumnos participan con gran ilusión por estar a colaborar na construción dun mundo mellor e máis solidario.

Esta actividade é moito máis que unha actividade deportiva, a carreira "Quilómetros de Solidariedade" permite traballar a defensa e promoción dos dereitos da infancia dentro e fóra da aula. A través das actividades didácticas os alumnos coñecen máis de preto a situación que millóns de nenas e nenos de países máis desfavorecidos viven a diario.

O centro asinará un decálogo polo que se compromete a difundir, defender e promocionar os dereitos da infancia como un dos seus obxectivos prioritarios.