O colexio Marcos da Portela, próxima parada do 'transformer' que achega a arte aos nenos

Pontevedra
27 de xaneiro 2015

O MuMo é un museo itinerante que se articula ao redor dun colector industrial transportado por un camión. Consiste nun espazo físico que se desprega e deixa ao descuberto catro espazos diferenciados que mergullan aos nenos no mundo da pintura, escultura, instalación, vídeo e deseño

Unha das paradas do museo itinerante MuMo en España
Unha das paradas do museo itinerante MuMo en España / Institut Français

Pontevedra pechará o percorrido por España do Museo Móbil (MuMo), unha iniciativa educativa que chega avalada polo éxito tras o seu paso por varios países de Europa e África. Esta orixinal proposta, concibida para achegar a arte contemporánea aos rapaces e promover a sensibilidade e a interculturalidade entre os cativos de todo o mundo, visitará o colexio Marcos da Portela os próximos días 29 e 30 de xaneiro.

O MuMo é un museo itinerante que se articula ao redor dun colector industrial despregable  transportado por un camión. Esta iniciativa naceu en Francia no ano 2011 e dende entón tamén percorreu Camerún, Costa de Marfil, Bélxica, Mónaco e Suíza. Está en España dende o pasado mes de setembro e recalou nas cidades de Barcelona, Zaragoza, Madrid, Valladolid e Vigo. A súa última etapa española será en Pontevedra.

Consiste nun espazo físico que se desprega e deixa ao descuberto catro espazos diferenciados que mergullan aos nenos no mundo da pintura, escultura, instalación, vídeo e deseño. No caso de Pontevedra, ocupará a rúa Grecia durante o xoves e o venres desta semana, polo que haberá restricións de tráfico nesta zona durante a fin de semana. O propio vehículo é un auténtico espectáculo moi valorado polos máis cativos, pois desprégase ao xeito dun ⿿transformer⿝.

No interior hai obras de 14 artistas, con pezas especialmente creadas para conectar cos rapaces. Os traballos pertencen a Eija-Liisa Ahtila, Ghada Amer, John Baldessari, Miquel Barceló, Daniel Buren, Maurizio Cattelan,Sébastien Cordoleani, Florence Doléac, Pierre Huyghe, Paul McCarthy, Farhad Moshiri,Roman Signer, James Turrell e Nari Ward.

O MuMo é un espazo pensado e concibido para os nenos, de tal xeito que as súas dimensións interiores, aconsellan que se restrinxan as visitas á franxa entre os 6 e os 12 anos de idade. Deste xeito, non está permitido o acceso aos adultos, aínda que en Monte Porreiro haberá unha excepción cunha sesión especial para a que xa hai listaxe de espera. A experiencia dura 45 minutos e estrutúrase en grupos de 14 rapaces.

Está xestionado polo Fondo de Dotación en Movemento "L'Art  à la Enfance", ao que pertencen á Rede de Escolas Asociadas á Unesco (dedicada a desenvolver proxectos e prácticas educativas innovadoras) e o Movemento Internacional ATD Cuarto Mundo (centrado na loita contra a extrema pobreza). A creación deste museo interactivo foi unha iniciativa dun dos mecenas do fondo, a Fundación Daniel e Nina Carasso, en memoria do fundador de Danone e da súa muller.