Era a súa primeira excursión trala pandemia e, como subliñaba unha das súas profesoras, "non terían desfrutado máis en ningún outro sitio". Escolares de cuarto curso de Primaria do CPI Mosteiro, do Concello de Meis, estrearon esta semana as visitas ao Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra.
Foi unha xornada na que non só aprenderon moito sobre os coidados que deben ter os cans, senón que desfrutaron ao máximo compartindo tempo e agarimos con varios dos animais do centro.
A visita forma parte da campaña EduCAANdo, que desenvolve a Deputación entre escolares de Primaria para favorecer as adopcións e concienciar sobre o abandono animal.
Os pequenos leváronse para as súas casas o libro estrela desta iniciativa, "Benvida á casa, Onza", do que a institución leva repartidos máis de 1.500 exemplares en diversos centros da provincia.
"Aquí os cans e cadelas están moi ben coidados, pero non é onde deben estar, o noso obxectivo é que teñan un fogar e unha familia", contoulles o deputado Manuel González ao darlles a benvida.
As referencias á concienciación sobre o abandono animal e as adopcións estiveron presentes en toda a visita, na que os 40 rapaces, acompañados das súas titoras, Julia Martínez e Pilar Rodríguez e divididos en grupos, seguiron moi atentamente as explicacións do equipo veterinario formado por Marcos Gómez, Santos Javier e Silvia Rivas e deixaron patente a súa curiosidade e coñecementos.