Os representantes do comité de empresa de Conservas Cuca mostráronse optimistas tras reunirse cos grupos políticos representados no Parlamento de Galicia.
Logo destes contactos consideran que "si hai vontade e presión política" pódese impedir o peche da factoría de Vilaxoán.
A presidenta do comité de empresa, María José Rey, afirma que conseguiron o compromiso de "todos os partidos, incluso os do Partido Popular" para presentar unha serie de iniciativas parlamentarias nas que instarán ao Goberno da Xunta a que "poñan os medios para que Conservas Garavilla poida reconsiderar a súa decisión" en canto ao anunciado traslado da súa actividade produtiva a O Grove.
As traballadoras e os seus representantes sindicais están convencidos que o traslado suporá a extinción de 200 postos de traballo "nunha comarca que ten a maior taxa de paro de Galicia".
Mentres tanto as traballadoras de Cuca persisten nos labores de vixilancia "de día e de noite" ás portas da factoría de Vilaxoán para evitar o traslado da maquinaria.