O comité de empresa de Elnosa solicita a intervención no pleno de Poio

Pontevedra
26 de setembro 2015

O presidente do comité quere explicar ante a corporación a situación dos traballadores. Pola súa parte, o alcalde de Pontevedra indica que é necesario que se presente un Plan de Reforma Interior para a continuidade da cloreira onde se teñen que poñer de acordo todas as empresas con concesión no espazo situado entre Praceres e Mollabao

Fernández Lores reunido con representantes do comité de empresa de Elnosa
Fernández Lores reunido con representantes do comité de empresa de Elnosa / Mónica Patxot

Os representantes dos traballadores de Elnosa, a través de Comisións Obreiras, presentaron unha solicitude este venres 25 no Concello de Poio para intervir no pleno do próximo martes 29 no que se debatirá unha moción contra a continuidade de Ence e Elnosa en Lourizán. Avelino García, presidente do comité de empresa, indicou que queren explicar á corporación municipal de Poio a situación da cloirera e a das familias que dependen da actividade que se desenvolve nesta fábrica, moitas delas pertencentes ao concello que goberna o nacionalista Luciano Sobral, segundo asegura o representante dos empregados de Elnosa.

Por outra banda, desde o comité de empresa anúnciase que levarán a cabo unha campaña coa instalación de pancartas reclamando ao Concello de Pontevedra a defensa dos seus postos de traballo e a permanencia da empresa na ría.

O CONCELLO ESIXE UN PLAN DE REFORMA INTERIOR

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, alertou que Elnosa ten que presentar un Plan de Reforma Interior (PERI) para poder manterse na súa actual localización en Lourizán. Desta forma, o rexedor contesta o comité de empresa da fábrica cloreira que sinalaba que o goberno local tería que conceder unha licenza no momento en que se presentase a solicitude da empresa co proxecto da súa mellora tecnolóxica sen utilización de mercurio.

Con todo, o alcalde de Pontevedra indicou que a situación "non é tan fácil" porque a concesión dunha licenza para actividade neses terreos entre Praceres e Mollabao require a presentación do PERI por parte da empresa no que tería que poñerse de acordo co resto de entidades que realizan actividades nesta "zona sensible".

Fernández Lores lembrou que o desaparecido presidente da Xunta, Manuel Fraga, establecera un plan supramunicipal de Ence no seu momento para mantela nesa localización pero nese plan, indicou o rexedor, non se atopa Elnosa "porque é unha empresa que se entendía que se tiña que trasladar para recuperar o espazo marítimo terrestro e por seguridade". Segundo Fernández Lores, a presenza de Elnosa nesa zona supón un perigo polo transporte de cloro nunha zona urbana.

Arquivado en