Os representantes dos traballadores de Ence tentan tocar en todas as portas da administración para que se acelere o proceso que leve á convocatoria dunha nova reunión da mesa de diálogo sobre o futuro da fábrica pasteira na ría de Pontevedra.
Pablo Bacariza, secretario do comité de empresa, presentaba formalmente este mércores unha solicitude de entrevista co vicepresidente segundo e conselleiro de Economía da Xunta de Galicia, Francisco Conde, despois de que na xornada do martes pediran á xefa de gabinete na dirección xeral do edificio administrativo da Xunta en Pontevedra un encontro urxente co responsable de economía e industria do goberno galego.
Desde o comité agardan que a xuntanza sexa en breve para coñecer de primeira man cal é a postura da Xunta ante o novo horizonte aberto tras a sentenza contra a prórroga de Ence en Lourizán, despois de que Francisco Conde reclamara unha mesa de diálogo a pesar de que recoñece que un traslado da empresa pasteira non é viable. O representante do executivo tamén pediu publicamente ao Goberno do Estado que indique cales son as condicións ás que se pode acceder en "termos de axudas de fondos europeos onde o goberno é quen ten a última palabra para dotar destes fondos a un proxecto destas características".
A parte laboral quere coñecer se a Xunta está disposta a ofrecer terreos alternativos para unha posible localización no caso de que non prospere o recurso que Ence vai presentar #ante o Tribunal Supremo contra a sentenza da Audiencia Nacional, que anula a prórroga.
UNIDADE SINDICAL
Ademais, segundo integrantes do comité, tentan chegar a un acordo entre os distintos integrantes dos sindicatos, tal e como se debateu na última asemblea, para manter unha unidade sindical ante a situación de incerteza na que se atopa o persoal da fábrica co obxectivo de defender os postos de traballo ante as distintas administracións.
Nas últimas horas, Comisións Obreiras anunciaba que continuaría con novas mobilizacións organizadas por esta central. A primeira delas está previsto que coincida coa xornada de lectura do pregón das festas da Peregrina, o sábado 7 de agosto.