O comité de empresa de Factoría Naval visitou este martes á alcaldesa de Marín, María Ramallo, para agradecerlle o traballo, as xestións, as reunións e o seu apoio durante os momentos máis difíciles que atravesou este estaleiro.
Ata o anuncio de compra por parte da empresa Nodosa, os traballadores de Factoría Naval recordaron as vicisitudes vividas nos últimos tres anos con reunións no Concello, na Xunta de Galicia, coa Consellería de Economía e Industria, co IGAPE, coas entidades financeiras ou cos socios da empresa.
Foi un "longo camiño" para o equipo, que sufriu unha mingua importante con dous ERES, situacións de sacrificio persoal e profesional. "Agora as cousas cambiaron e parece que se empeza a ver a luz ", celebraron.
Dende a Alcaldía mostráronse receptivos a seguir apoiando esta empresa que desenvolve unha actividade estratéxica dentro do Porto de Marín.
A alcaldesa púxose á súa disposición e desexoulles un bo inicio de tempada.