O Plan de Adecuación de recursos asistenciais programado para a inminente etapa estival no Complexo Hospitalario de Pontevedra contempla o peche do 13% das camas en Montecelo e o Provincial. No Salnés prescindirase do 10% das camas.
O dito doutro xeito, a área sanitaria manterá este ano operativas no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra 520 das súas camas -o 87% do total- e no Hospital do Salnés 108 camas - que representan o 90% da súa totalidade-.
Dende o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) recalcan que a Pontevedra manterase a dispoñibilidade do 100% das camas nos seus respectivos hospitais "para dar resposta asistencial a calquera necesidade". Aínda así, o Plan de Adecuación de recursos asistenciais programado nesta área de saúde prevé a utilización dun 89% das súas camas de hospitalización.
O Sergas xustifica que dita planificación foi realizada en base ao estudo pormenorizado da afluencia de pacientes durante esta época e que se leva a cabo e replanifica cada ano, isto, engade a administración sanitaria, "permite asegurar as necesidades de cobertura asistencial dacordo coa previsión de demanda na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, así como efectuar un uso racional dos recursos".
O Sergas xustifica este peche de camas pola coincidencia do período regulamentario no que a maioría de profesionais do Sistema Sanitario Público galego solicita o desfrute das súas vacacións e tamén pola diminución dos ingresos hospitalarios por procesos respiratorios.
Ademais permite que se executen pequenas obras e actuacións preventivas ou reparadoras en distintas unidades, unhas intervencións que durante outros momentos de maior ocupación sería máis complicado acometer.
Por último, lembran que a Dirección da Área Sanitaria dispón dun plan de continxencia específico no caso de que se precise a utilización dun número de camas maior ao previsto.