O Complexo Hospitalario de Pontevedra recibe o 'Best In Class' ao mellor hospital de alta complexidade

Pontevedra
22 de novembro 2023

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés tamén foi distinguida por segunda vez co galardón á Mellor Organización Integrada na categoría de Atención Primaria, nunha gala celebrada este martes no hospital La Fe de Valencia  

Foto grupal dos premios  Best in Class concedidos ao Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra
Foto grupal dos premios Best in Class concedidos ao Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra / Sergas - Xunta de Galicia

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés foi galardoada este martes nos premios nacionais 'Best In Class 2023', que convocan anualmente a Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidad Rey Juan Carlos e a publicación especializada Gaceta Médica.

Na gala celebrada no hospital La Fe de Valencia o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra foi recoñecido como Mellor Hospital de Alta Complexidade, superando outros sete hospitais universitarios españois de prestixio: o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; os madrileños Gregorio Marañón, Clínico San Carlos e a Fundación Jiménez Díaz; o Hospital La Fe de Valencia; o Hospital de Cruces, en Barakaldo (Guipúscoa); e o Marqués de Valdecilla de Santander.

Tamén, por segundo ano consecutivo, premiouse a área sanitaria como á Mellor Organización Integrada de Atención Primaria, galardón no que se pon en valor a actividade realizada nos centros de saúde en distintas liñas de traballo como a mellora da calidade, a innovación ou as iniciativas en investigación. 

Ademais o complexo hospitalario figuraba entre os finalistas a sete categorías no apartado de Mellor Especialidade, cos servizos de Anestesia e Reanimación, Dermatoloxía, Farmacia, Farmacia Hospitalaria en IMIDS (enfermidades inflamatorias inmunomediadas), Farmacia Hospitalaria en Oncoloxía, Microbioloxía e Patoloxía Dixestiva.

Os galardóns foron recollidos polo xerente da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, encabezando unha delegación composta por varios membros do equipo directivo: a directora Asistencial, Susana Romero; a directora de Atención Hospitalaria, Yolanda Sanduende; a directora de Atención Primaria, Marta Ocampo; o subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, Jorge García-Borregón; a subdirectora médica de Prestación Farmacéutica, Nuria Iglesias; e a subdirectora de Enfermería, Ana García.