A Xunta de Galicia anunciou a "inminente" licitación das obras de ampliación do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza e dende a concellaría de Educación de Pontevedra restan credibilidade a esta actuación que, segundo o concelleiro Agustín Fernández, se suma a unha ampla lista de promesas que o Partido Popular foi acumulando en Pontevedra durante os últimos anos e considera que se trata de "proxectos virtuais".
Neste sentido, Fernández indica que as obras no Carlos Oroza se prometeron ata tres veces e chegou a organizarse unha folga de alumnos porque o teito se encontraba en malas condicións e emanaba un olor insoportable. O concelleiro denuncia tamén a escandalosa falta de capacidade do edificio onde se atopa.
Agustín Fernández recorda que a comunidade docente é coñecedora de que a Xunta de Galicia decidiu en 2009, con Alberto Núñez Feijóocomo presidente, non construír un novo centro que xa estaba presupostado para impartir a formación de hostalaría do Carlos Oroza.