O concelleiro de Turismo de Poio anima os veciños de Combarro a crear "leira-parks" durante a Festa do Mar

Poio
28 de agosto 2018

Xosé Luis Martínez Blanco reclama o nomeamento de interese turístico galego para esta festa gastronómica que contou con máis de 33.000 persoas. Ademais da detención do veciño de Marín pola tentativa de agresión a unha moza, rexistráronse 16 denuncias por posesión de sustancias estupefacientes e 25 persoas foron atendidas por intoxicación etílica

Zona da acampada na Seca durante a Festa do Mar Festival Armadiña Rock Estrella Galicia

O concelleiro de Turismo de Poio, Xosé Luís Martínez Branco, facía un balance positivo este martes da décimo oitava edición da Festa do Mar que finalizaba este domingo en Combarro coa presenza de máis de 33.000 persoas na carpa gastronómica.  O concelleiro, acompañado por José María Amorín, do Clube Mariño A Reiboa e por Afonso Vilanova, organizador do Armadiña Rock, sinalaba que durante os cinco días do transcurso da festa realizáronse 16 denuncias por substancias estupefacientes; outra a un home por perturbar a seguridade cidadá; ademais dunha infracción penal por danos ao mobiliario urbano.

Intervíronse dúas armas brancas e 25 persoas foron atendidas por intoxicación etílica na ambulancia situada na praza da Chousa, dúas delas foron trasladadas ao Hospital Montecelo. Tamén se rexistrou un pequeno altercado no porto da  Canteira. Ademais recolléronse 45 obxectos perdidos, 15 deles xa devoltos. A estos datos hai que sumar o incidente máis importante: a detención dun veciño de Marín por tentar agredir  sexualmente a unha moza na zona de acampada onde se atopaban centos de asistentes ao festival  Armadiña Rock. Neste sentido, Afonso Vilanova, reiterou que, á marxe desta detención, non se recolleu ningunha notificación importante no Punto Lila e apuntou a que o festival foi tranquilo e exemplar respecto doutros eventos. "Por culpa dun desalmado non vamos empañar un festival que discorreu con total normalidade", indicou Vilanova, ao afirmar que en dous días pasaron ao redor de 27.000 persoas para participar das actividades relacionadas co Armadiña Rock. Desde a organización manteñen que a zona de acampada é un sitio moi seguro, con presenza constante das forzas da orde que procederon a unha detención instantánea do presunto agresor.

Por outra banda, Xosé Luís Martínez indicou que o 70% dos asistentes á  Festa do Mar procedían de fóra da provincia. Os visitantes deixaron unha recadación de 53.000 euros, igual á da pasada edición, con especial consumo de ameixa babosa da ría de Pontevedra, mexillóns e polbo. O responsable de Turismo destacou a Mostra da Canción  Mariñeira, o Festival familiar A Chalaniña e o encontro de embarcacións tradicionais que, nesta ocasión, reuniu a máis de 200 tripulantes. Os gastos sitúanse, segundo o concelleiro, arredor dos 125.000 euros.

PROMOVER O ' LEIRA- PARK' PARTICULAR

 Martínez destacou o bo funcionamento do plan de  seguridade desenvolvido e os operativos de tráfico que, segundo indicou, permitiron que as retencións, xa habituais durante nos meses do verán na PO-308, fosen mínimas a pesar da aglomeración de persoas rexistrada no centro histórico de  Combarro.

O concelleiro indicou que os aparcadoiros disuasorios funcionaron moi ben, tanto os situados na Seca e na  Reigoa como os do campo da Billarda e de San Xoán, ademais dos espazos habilitados na contorna do colexio e do cemiterio de Chancelas.

O representante do goberno local recoñeceu, en todo caso, que unha das materias pendentes deste evento gastronómico é a de procurar aparcadoiros alternativos. Neste sentido, sinalou que os veciños de  Combarro, a diferenza do que sucede noutras festas como a do Albariño en Cambados, non aproveitan estas datas para utilizar as súas leiras como aparcadoiros desenvolvendo a fórmula dos "leira- park". Indicou que a suxestión do Partido Popular de que o propio Concello alugase estas leiras privadas para crear máis zonas de estacionamento na contorna durante eses días resulta complicada desde un punto de vista administrativo. "Non é descartable, pero si complexo", indicou Xosé Luís Martínez, que animaba os propietarios de terreos a aproveitar economicamente as súas leiras como parkings temporais durante estas festas. 

Por último, o concelleiro indicou que van comezar a tramitar o expediente reclamando á Xunta de Galicia a concesión do nomeamento de  Festa de Interese turístico galego á Festa do Mar ao entender que está " súper consolidada".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora