O Concello acondiciona o parque infantil da Praza da Granxa de Campelo

Poio
28 de abril 2022

Os labores, a piques de rematar, céntranse na substitución do valado de madeira, a reparación de aparellos e a dotación de nova superficie de céspede sintético

Arranxo do parque da Granxa
Arranxo do parque da Granxa / Concello de Poio

A concelleira de Seguridade Cidadá e Deportes, Marga Caldas, pasou revista este xoves ás obras de mantemento que se están a desenvolver desde hai unhas semanas no parque infantil emprazado nas inmediacións da Praza da Granxa, no núcleo de Campelo. As obras están practicamente listas. 

A edil do goberno local lembrou que o Concello de Poio desenvolve esta actuación para efectuar unha serie de arranxos na área, dado o seu deterioro. 

Ademais da posta a punto dos elementos e xogos que o precisan, tamén se está a substituír o valado de madeira que rodea estas instalacións que, tal e como sinalou, son moi utilizadas polas crianzas da contorna.

Durante estes días procedeuse, a maiores, a dotar ao parque dunha superficie de céspede sintético, garantindo así unha maior comodidade e seguridade.

Esta actuación súmanse a outros traballos que o Concello tamén está a efectuar en espazos ao aire libre tanto en Campelo como noutras áreas de lecer do municipio.