O Concello adecenta os xardíns da ponte da Barca

Pontevedra
16 de febreiro 2020

Logo da renovación do céspede e da plantación de varios exemplares arbóreos de elevado porte, só queda pendente a colocación dun banco cerca do cruceiro próximo ao muro das Doroteas

Xardíns da Ponte da Barca
Xardíns da Ponte da Barca / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra está a piques de rematar o adecentamento da rotonda e os xardíns ubicados na cabeceira da ponte da Barca, que dá cara as rúas Echegaray e Paseo de Colón.

Logo de que os operarios da empresa O Piñeiro completasen o subministro e plantación de varios exemplares arbóreos de elevado porte, en concreto de tres pradairos palmatum disectum e dúas cerdeiras péndula, só queda pendente a colocación dun banco na zona verde próxima ao muro do colexio das Doroteas, onde se atopa ubicado o cruceiro.

O concelleiro Iván Puentes sinalou que "vaise gañar un espazo de descanso e miradoiro cara a ponte da Barca e a ría de Pontevedra".

Os traballos, para os que o Servizo Municipal de Parques e Xardíns destinou un orzamento que ronda os 10.000 euros, incluíron a renovación da totalidade do céspede mediante a colocación de tepes e a conformación dunha nova composición paisaxística, na que, á marxe das árbores citadas, engadíronse diversas plantas vivaces arbustivas: tulbaghia violacea, carex variegado, teucrium e lantana montevidensis.

Incorporaranse ademais algunhas plantas de tempada.