O Concello adianta os prazos que se marcara para o pago da débeda a Sogama

Pontevedra
20 de novembro 2015

No próximo Pleno da Corporación do 30 de novembro aprobarase unha modificación extraxudicial de crédito por un importe de 627.567,91 euros para pagar parte desa débeda. Antes do 30 de novembro xa estaba previsto un primeiro pago de 2,6 millóns

Sinatura do convenio entre o Concello de Pontevedra e Sogama
Sinatura do convenio entre o Concello de Pontevedra e Sogama /

O Concello de Pontevedra decidiu adiantar parte do pago da débeda que mantén con Sogama polas facturas emitidas desde o 2008 nas que había discrepancia de opinións entre ambas as institucións. O convenio asinado en outubro establecía a débeda en 5.051.063,53 euros e fixaba uns prazos para ir saldándoa, pero agora desde o goberno local decidiuse adiantar mesmo máis eses pagos.

Segundo informou este venres o concelleiro de Facenda, Raimundo González, no próximo Pleno da Corporación do 30 de novembro aprobarase unha modificación extraxudicial de crédito por un importe de 627.567,91 euros para pagar parte desa débeda. 

Antes do 30 de novembro xa estaba previsto un primeiro pago de 2,6 millóns e os outros dous pagos estaba previsto que se formalizasen no primeiro semestre do 2016. Antes do 30 de marzo acordouse liquidar 1,1 millóns e antes do 30 de xuño os 1,2 millóns restantes. Ao 30 de xuño de 2016 Pontevedra terá saldada a débeda que acumula con Sogama e este ano pagaranse máis de tres millóns.

Raimundo González explicou que a lei autoriza ao Concello a destinar o superavit do exercicio económico 2014 a amortización de créditos, investimentos financeiramente sustentables ou pago a provedores. Nos últimos meses xa aprobaron destinar dous millóns dese remanente a diverso tipo de investimentos no rural e agora esta nova partida para pago a Sogama como o seu provedor.