O Concello advirte ao Goberno que non aceptará "triquiñuelas" e esixe o peche inmediato de Elnosa

Pontevedra
28 de xullo 2018

A posición do Goberno sobre Elnosa indignou ao Concello de Pontevedra. Aseguran estar "sorprendidos", segundo a alcaldesa en funcións, Carme da Silva, que "deslicen" a posibilidade de prorrogar a presenza da factoría electroquímica en Lourizán. Nisto, o executivo municipal é contundente. A continuidade de Elnosa "non é posible". Nin un día máis

Carme da Silva, tenente alcalde en Pontevedra
Carme da Silva, tenente alcalde en Pontevedra / Mónica Patxot

A posición do Goberno sobre Elnosa indignou ao Concello de Pontevedra. Aseguran estar "sorprendidos", segundo a alcaldesa en funcións, Carme da Silva, que "deslicen" a posibilidade de prorrogar a presenza da factoría electroquímica en Lourizán. Nisto, o executivo municipal é contundente. A continuidade de Elnosa "non é posible". Nin un día máis.

"Dá igual o que estean esperando", sinalou Da Silva en resposta á subdelegada do Goberno, Maica Larriba, que afirmou este venres que Elnosa poderá seguir coa súa actividade na ría ata que se resolva o expediente de caducidade aberto por mor dunha sentenza da Audiencia Nacional.

A lei de costas, segundo o goberno municipal, " é clara". Elnosa, a partir deste domingo 29 de xullo, non pode exercer a súa actividade ao vencer a súa concesión. O Goberno de Pedro Sánchez, engadiu, non pode permitirllo e menos "baixo argumentos insostibles".

Para Carme da Silva, o dito pola subdelegada, "que imaxino que falará en representación do Goberno central", demostra un "descoñecemento profundo" da situación de Elnosa na ría ou, o que ao seu xuízo sería "máis grave": que existan negociacións coa empresa para que poida prorrogar a súa presenza na ría de Pontevedra.

A prórroga a Ence, lembrou a representante municipal, foi "impresentable" pero a postura do Goberno con Elnosa "é da mesma magnitude", xa que a pesar de que cambiou o partido á fronte do executivo central ábrese a porta á continuidade dunha empresa "contaminante" que non ten "ningún amparo legal".

Sexa como sexa, advertiu Da Silva, o Concello non aceptará ningunha "triquiñuela" que abra a porta a unha posible continuidade de Elnosa na súa actual localización. "Estaremos vixiantes e actuaremos con contundencia", sinalou a edil do BNG.

A prórroga a Ence, lembrou Carme da Silva, foi "impresentable" pero a postura do Goberno con Elnosa "é da mesma magnitude"

É obrigación do Goberno, engadiu, "garantir" o cesamento de actividade de Elnosa e "velar" porque se cumpran con todos os trámites para o desmantelamento das instalacións, a limpeza dos terreos e a súa devolución a dominio público.

A tenente alcalde asegurou que sería "incomprensible" que isto non se producise, xa que calquera outra opción é "ilegal". A concesión de Elnosa está "rematada" e, a partir deste domingo, "non hai nada que a ampare", concluíu. 

Os servizos xurídicos municipais xa están a traballar para dar resposta a esta situación e o luns, segundo avanzou Da Silva, "nos dirán o que temos que facer" desde o concello para que Elnosa cese a súa actividade de maneira inmediata.

CRÍTICAS DE APDR

Desde ese mesmo ángulo, a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) sumouse ás críticas ao Goberno. Aseguran que, desde o punto de vista legal, é "indiscutible" que o fin da actividade de Elnosa debe finalizar este 29 de xullo, data na que vence a súa concesión.

Afirman que, a partir desa data, a empresa carece do "imprescindible" título habilitante, unha situación que "nada ten que ver" coa tramitación do expediente de caducidade aludido pola subdelegada do Goberno. "Nesta situación non é necesario sequera continuar con ese expediente", sinalan desde APDR.

Por iso, "non se pode entender" a razón que leva ao Goberno para afirmar que a empresa poderá seguir traballando en Lourizán ata que se resolva o expediente, "sinxelamente porque tal situación é contraria á lei", conclúe o comunicado da asociación ecoloxista.

Arquivado en