A comisión de Mobilidade e Infraestruturas celebrada este luns no Concello de Pontevedra aprobou a alternativa 1 das dúas opcións formuladas polo Ministerio de Fomento para o segundo tramo da A-57, que transcorre entre A Ermida, na parroquia de Marcón, e Pilarteiros, en Xeve.
A opción que apoia o goberno local é a que conta cun trazado máis interior, cunha extensión de 5 quilómetros e un orzamento que supera os 100 millóns de euros. Segundo explicaba o concelleiro Alberto Oubiña é a proposta máis coincidente co proxecto inicial que se remonta a 2007. Os únicos cambios en relación a aquela opción se atopan na velocidade que pasa de 80 Km/h a 100 Km/h e se incrementa a lonxitude de viaductos para facilitar a integración paisaxística e minimizar as afeccións a vivendas.
Esta iniciativa contou cos votos favorables do BNG e a abstención do PSOE e Ciudadanos. Mentres que o PP e Marea Pontevedra votaron en contra.
Oubiña lamentou que desaparecera a "unanimidade" sobre este tema afirmando que é necesaria unha circunvalación para Pontevedra. "É o día da marmota", afirmou o concelleiro, en referencia aos atrasos que se suman neste proxecto, que na primeira fase, entre Vilaboa e A Ermida se executa actualmente.
O concelleiro agarda que o proxecto se contemple nos orzamentos xenerais do Estado e afirma que desde o goberno local se apoia aos veciños para aquelas alegacións que se queiran presentar ao trazado deste tramo.
A alternativa descartada contaba cun itinerario máis exterior e percorría máis de 6 quilómetros, cun orzamento superior aos 124 millóns de euros.
Na comisión todos os representantes dos grupos políticos, agás o BNG, apoiaron unha proposta para demandar transporte público en Pontevedra. Estes temas van debatirse no vindeiro pleno.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.