O Concello arremete contra a "intolerable" tramitación da Risga que provoca desprotección social

Pontevedra
24 de abril 2014

A concelleira de Benestar Social Municipal de Pontevedra, Carmen Fouces, denunciou que dende decembro do 2013, cando entrou en vigor a nova normativa que regula a admisión destas axudas, o proceso se está a dilatar ata tal punto que está a deixar sen protección a gran maioría de persoas solicitantes, xerando unha alarmante desprotección na parte máis débil da sociedade

Unha persoa pedindo esmola na porta dunha igrexa
Unha persoa pedindo esmola na porta dunha igrexa

"Insostible, intolerable, caótica", foron algúns dos cualificativos empregados pola concelleira de Benestar Social Municipal de Pontevedra, Carmen Fouces, ao referirse á tramitación das prestacións da Renda de Integración Social de Galicia (Risga).

Carmen Fouces denunciou que dende decembro do 2013, cando entrou en vigor a nova normativa que regula a admisión destas axudas, o proceso se está a dilatar ata tal punto que está a deixar sen protección a gran maioría de persoas solicitantes, xerando unha alarmante desprotección na parte máis débil da sociedade.

A concelleira nacionalista achegou os datos recollidos nos servizos municipais que sitúan nun 35% as solicitudes de Risga do 2013 que están pendentes de resolución, e o 15% das axudas de emerxencia social.

A concelleira de Benestar non dubidou en riscar de "trileros" aos responsables da Xunta

A situación agrávase a partir do ano 2014 co 91% das solicitudes de Risga pendentes, e o 100% das de emerxencia.

A concelleira de Benestar non dubidou en riscar de "trileros" aos responsables da Xunta xa que despois de anunciar que a Risga subiría en presuposto un doce por cento, deixaron de executar gran parte das partidas de axudas de emerxencia e as subvencións a servizos sociais por case dous millóns de euros. "Así goberna calquera", dixo Fouces, "e logo aínda dirán que sobraron os cartos porque a xente xa non pide a Risga xa que isto vai ben".