O Concello avanza na tramitación para homologar o Pazo da Cultura como centro de formación

Pontevedra
27 de abril 2018

Mentres tanto o plan de formación para o emprego no que traballa o goberno local pon en marcha a primeira acción concreta, un curso homologado sobre desenvolvemento de proxectos de sistemas de automatización industrial que se impartirá no mes de xuño

Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica
Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica / Alejandro Vila

O Concello de Pontevedra avanza na tramitación para conseguir que o Pazo da Cultura sexa recoñecido como centro homologado para a formación no emprego, unha tramitación na que están implicadas outras administracións e que conta con requisitos esixentes.

Así, para conseguilo deben habilitarse instalacións para formación teórica, equipamentos para prácticas, espazos para dirección ou orientación e a definición das ramas profesionais coas que se pretende traballar.

"Unha formación homologada xera títulos habilitantes, certificados de profesionalidade equivalentes aos títulos de FP", explicou a concelleira de Promoción Económica, Anabel  Gulías, sinalando a homologación como un requisito indispensable.

Mentres isto non sucede, o plan de formación para o emprego no que traballa o  Concello poñerá en marcha en xuño a súa primeira acción concreta, un curso homologado sobre desenvolvemento de proxectos de sistemas de automatización industrial.

A este curso seguiranlle outros dous sobre atención sociosanitaria a persoas dependentes en instalacións sociais. Os tres cursos impartiranse en xuño nalgún dos dous centros homologados que hai na cidade, aos que o Concello solicitou presupostos. Contarán con 15 prazas en cada un deles, podendo anotarse no correo [email protected].

Para axustar a oferta formativa á demanda laboral, o goberno local prepara unha xornada de traballo coas empresas da cidade para coñecer de primeira man as súas necesidades.