O Concello cede por 75 anos ao Xoán XXIII 4.600 metros cadrados de terreo

Pontevedra
28 de agosto 2017

Segundo avanzou a fundación Xoán XXIII, na nova parcela habilitaranse aulas e espazos de formación, vestiarios, aseos, duchas, un almacén, un taller para xardinería, oficinas e espazos para reunións

Colaboración da Fundación Juan XXIII e Príncipe Felipe polo Día da Árbore
Colaboración da Fundación Juan XXIII e Príncipe Felipe polo Día da Árbore / PontevedraViva

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra celebrada este luns aprobou a cesión por 75 anos á asociación Xoán XXIII de dúas parcela lindeiras, de 4.600 metros cadrados. Están situadas na urbanización da Corva e teñen como destino acoller un centro de formación e promoción do emprego para persoas con discapacidade intelectual.

Este solar está situado entre a rúa Santa Lucía, Pintor Urbano Lugrís e Rúa da Corva e a el pódese acceder desde a Avenida de Vigo ou desde San Brais.

As parcelas atópanse na zona denominada no Plan Xeral como B-10 e están cualificadas para uso sociocomunitario.

Segundo avanzou a fundación Xoán XXIII, na nova parcela habilitaranse aulas e espazos de formación, vestiarios, aseos, duchas, un almacén, un taller para xardinería, oficinas e espazos para reunións.

No horizonte teñen a formación axustada ás necesidades especiais dos traballadores con discapacidade intelectual e inserción en novos nichos laborais como servizos de empresas, actividades comerciais, limpeza ou mantemento.

A fundación céntrase agora na procura de axudas, colaboracións e posibles subvencións co obxectivo de construír canto antes o novo centro.