O Concello comeza a tramitar a solución "máis acaída" para a reforma de Mollabao

Pontevedra
26 de decembro 2017

No goberno municipal están "especialmente contentos", segundo Anabel Gulías, de pechar o ano 2017 poñendo as bases para a ansiada reforma urbana do barrio de Mollabao. Tras meses de estudos técnicos, o Concello deu os primeiros pasos para poder afrontar esta actuación canto antes

Tramo da rúa Rosalía de Castro, en Mollavao
Tramo da rúa Rosalía de Castro, en Mollavao / Mónica Patxot

No goberno municipal están "especialmente contentos", segundo Anabel Gulías, de pechar o ano 2017 poñendo as bases para a ansiada reforma urbana do barrio de Mollabao. Tras meses de estudos técnicos, o Concello deu os primeiros pasos para poder afrontar esta actuación canto antes.

A portavoz do goberno municipal explicou que os técnicos deron coa solución " máis acaída" para poder afrontar unha actuación "complicada", ao estar implicadas varias administracións: a Xunta de Galicia, o Goberno central a través do servizo de Costas, a Deputación de Pontevedra e o propio Concello.

A última Xunta de Goberno do ano acordou, como primeiro paso, solicitar formalmente a cesión do tramo urbano da PO-546, a coñecida como estrada vella de Marín, que actualmente é titularidade da Xunta de Galicia.

Pontevedra pide asumir os primeiros 550 metros da estrada, entre a rotonda de Fernández Ladreda e Manuel do Palacio e a parcela de Mollabao na que, habitualmente, instálanse os circos. Neste tramo, o goberno municipal pretende aplicar os mesmos estándares de accesibilidade e seguridade viaria que no centro da cidade.

Así, prevese ampliar as beirarrúas, instalar varios pasos de peóns elevados, renovar os servizos e limitar a velocidade da vía a 30 quilómetros por hora.

Tamén se acordou solicitar formalmente a Costas a cesión dos 3.364 metros cadrados que serán necesarios para a construción dun novo viario que unirá Rosalía de Castro coa avenida de Marín e que incluirá unha glorieta.

Aínda que estes terreos xa son usados polo Concello como aparcadoiro disuasorio, é necesario un novo permiso ao estar previstas obras de carácter " máis definitivo". Iso si, a nova estrada contará cunha marxe de protección especial de tres metros a cada lado.

Para afrontar estas actuacións, o Concello de Pontevedra solicitou á Deputación que inicie os trámites para asinar un convenio que permita financiar as obras. A "boa sintonía" co goberno provincial, sinalou Anabel Gulías, fan que o executivo local sexa "optimista" con respecto a este acordo.

Estas tres medidas foron xa tratadas con cada unha das administracións implicadas, polo que o Concello espera "celeridade" na tramitación destas peticións.