O Concello confía en que a Deputación colabore cos viais do Gran Montecelo

Pontevedra
13 de xullo 2016

No Concello confían en que a Deputación de Pontevedra colabore nas obras de construción destas infraestruturas viarias. Así llo solicitarán ao goberno provincial, facendo valer o carácter supramunicipal deste proxecto, que dará servizo a todos os concellos da área sanitaria

Sinatura de dous convenios entre a Deputación e o Concello de Pontevedra
Sinatura de dous convenios entre a Deputación e o Concello de Pontevedra / Mónica Patxot

Miguel Anxo Fernández Lores e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, asinarán o próximo 20 de xullo o convenio que regulará as obras de ampliación de Montecelo. Será durante un acto no que tamén estará presente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Pero mentres tanto as administracións implicadas tratan de definir as responsabilidades que terá cada unha neste proxecto.

O Concello, en virtude deste convenio, ademais dos 4 millóns de euros que deberá entregar para as expropiacións necesarias para a construción do novo edificio e a urbanización interior do hospital, asumirá a construción dos accesos e dos viarios que darán servizo ao complexo.

Entre outros, o goberno municipal terá que executar unha nova estrada que circunvalará todo o hospital polo suroeste do complexo e reurbanizar a que pasa agora por diante de Montecelo que se converterá nun viario interior do complexo. A iso súmase o tramo da Rolda Leste que se construirá entre O Marco e Montecelo.

Pero no Concello confían en que a Deputación de Pontevedra colabore nas obras de construción destas infraestruturas viarias. Así llo solicitarán ao goberno provincial, facendo valer o carácter supramunicipal deste proxecto, que dará servizo a todos os concellos da área sanitaria.

Así, o goberno local espera que a deputación acceda a incorporarse a este convenio co Sergas.

OS VECIÑOS SE REUNEN COA OPOSICIÓN

Ao mesmo tempo, representantes da asociación de veciños de Moldes-Mourente reuníronse este mércores con todos os partidos da oposición municipal -PP, PSOE, Marea e Cidadáns- e portavoces da asociación de técnicos sanitarios para informarse dos plans para a urbanización que se realizará en Montecelo en virtude deste convenio.

Os veciños volveron a expor o seu rexeitamento a calquera plan que supoña a instalación de novos lombos nas inmediacións do complexo, unha postura na que coincidiron todos os partidos da corporación, a excepción do BNG que non foi convidado ao encontro.