En quince días. Esa é a estimación que fan no goberno municipal sobre a data na que volverá a saír a licitación o novo contrato de xestión do servizo de residuos municipais. Toda a tramitación tivo que dar un paso atrás por cuestións legais.
O expediente tivo que modificarse para adaptalo ás resolucións do tribunal administrativo de contratación pública de Galicia (Tacgal), que ordenou excluír do contrato a recollida, xestión e tratamento dos residuos téxtiles, que serán obxecto dunha concesión diferenciada.
Tras a licitación, haberá un prazo dun mes de exposición pública, polo que a presentación de ofertas remataría a finais de maio ou principios do mes de xuño, subliña o edil responsable en materia de residuos, Raimundo González.
Así, González confía en que logo de moitos meses de tramitación e revisión, o contrato poida estar adxudicado e iniciar o seu funcionamento neste mesmo ano.
Mentres tanto, o Concello viuse na obriga de prorrogar o actual contrato do servizo, que presta a empresa PreZero e que vencía o 9 de xuño. Ampliouse por un período máximo dun ano, pero suspenderase antes se se completa o proceso para a nova contratación.