O Concello cre que a Xunta "se pasa de frenada" no seu "ánimo" de defender a ENCE

Pontevedra
22 de abril 2019

"¿Que ENCE no contamina? Alabado sea Dios". Esa foi a gráfica resposta do portavoz do goberno municipal, Raimundo González, ás últimas declaracións que, co obxectivo de defender a continuidade da fábrica de Ence en Pontevedra, realizou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez

Raimundo González
Raimundo González / Mónica Patxot

"¿Que ENCE no contamina? Alabado sea Dios". Esa foi a gráfica resposta do portavoz do goberno municipal, Raimundo González, ás últimas declaracións que, co obxectivo de defender a continuidade da fábrica de Ence en Pontevedra, realizou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Nunha entrevista concedida á Cadena SER en Galicia, Vázquez asegurou que a pasteira "non está a contaminar a ría" e que o complexo industrial de Lourizán "cumpre con todos os parámetros". Ningún deles é "alarmante", dixo.

Ao seu xuízo, o estado da ría de Pontevedra débese "ao que ocorre coas depuradoras", asunto do que instou a "preguntarlle" ao Concello de Pontevedra.

Desde o goberno municipal, Raimundo González lembrou que as competencias sobre a depuradora de Pontevedra son a da propia Xunta, concretamente do departamento que dirixe Ethel Vázquez, polo que reduciu esta cuestión a un "ataque entre conselleiras".

"Núñez Feijóo debería poñer orde", ironizou González, que recomendou ao goberno galego reunir a todos os conselleiros nun "retiro espiritual como os que facía Fraga" para que "non se contradigan" os uns aos outros.

O edil do BNG volveu a apuntar a Ence como responsable da contaminación "química, física e aérea" da ría de Pontevedra. "Se toda esa cantidade de merda que hai aí non é contaminación, apaga e vamos", engadiu.

González bromeou con que o que perciben os pontevedreses "polas pituitarias" non é contaminación "senón perfume" e que os efluentes que expulsa Ence son "espellismos" polo que os cidadáns "temos que chamar a Cuarto Milenio".

"É para tomalos pouco en serio", explicou o portavoz do goberno municipal, que considera que co "ánimo" de defender a Ence a Xunta "se pasa de frenada".

Arquivado en