O Concello crea zonas de "servizos" para garantir a seguridade viaria na contorna dos colexios

Pontevedra
10 de setembro 2013

A concelleira de Seguridade Viaria, Carme da Silva, anunciou a creación de zonas de "servizos" ante os centros de ensino da cidade. Trátase de zonas que permanecerán habilitadas dende as 8 ata as 21 horas nas que será posible aparcar durante un máximo de 15 minutos para que os escolares poidan achegarse sin risco ata o centro escolar

Durante o pasado curso escolar, o Concello de Pontevedra detectou situacións de risco nas proximidades dos centros escolares debido á presenza de numerosos vehículos que obrigan a que os menores camiñen pola calzada ou crucen en zonas de abundante tráfico. Para evitar este tipo de situacións, a concellería de Seguridade Viaria decidiu establecer zonas de aparcadoiro de "servizos" ante os centros de ensino.

Estas novas zonas encontraranse habilitadas de 8 a 21 horas e nelas permitirase o estacionamento de 15 minutos para que os pais poidan deixar os alumnos nas portas do centro. Os espazos están previstos en zonas de máxima seguridade para evitar riscos en cruces ou en viais de moito tránsito.

Segundo explicou a concelleira Carme da Silva estes espazos entrarán en funcionamento a finais desta semana ou a comezos da próxima xa que aínda se está a realizar a sinalización horizontal e vertical.

As zonas habilitadas para os distintos colexios son as seguintes:

  • Doroteas: zona de servizos en Alfonso XIII e Echegaray.
  • Froebel: servizos na Barca e Martitegui. Tamén se acoutará con morróns durante o período lectivo un cuarto da praza que, segundo a concelleira, apenas é utilizada.
  • Campolongo: servizos en Iglesias Vilarelle e Augusto García Sánchez
  • Salvador Moreno: en ambas as dúas beirarrúas de Rosalía de Castro, diante do centro de ensino.
  • Barcelos: fronte ao centro escolar.
  • Álvarez Limeses e Calasancias: en Joaquín Costa e Blanco Porto.
  • Sagrado Corazón: na rúa A Estrada, a ambos os dous lados
  • Vidal Portela: nun espazo ante o centro habilitado durante o pasado curso.

 

Durante as horas nas que non haxa actividades escolares, os espazos quedarán como zonas para aparcadoiro temporal para o resto de condutores. A Policía Local ten previsto levar a cabo charlas nos centros para explicar a posta en marcha desta medida que, segundo Carme da Silva, ten como obxectivo aumentar a seguridade vial para os menores.