O Concello da Illa de Arousa destinará 173.479 euros á reordenación da rúa Castriños

O Salnés
11 de febreiro 2023

A actuación recolle a substitución do pavimento, a renovación dos servizos de fecais e abastecemento e o soterramento do cableado. 

Rúa Castriños
Rúa Castriños / Concello da Illa de Arousa

O Concello da Illa de Arousa acometerá, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, unha nova actuación de reordenación e seguridade do tráfico no rueiro municipal, concretamente no tramo da rúa Castriños que enlaza coas rúas Aransa e Bouzas.

A subvención, de 173.479 euros, permitirá substituir o actual pavimento da calzada, deteriorado e con fochancas que crean inseguridade tanto para o tráfico rodado como para os peóns, por un novo firme de formigón en todo o vial afectado, cunha superficie total de 863 metros cadrados.

As obras a executar consisten na reordenación dos pavimentos existentes na rúa Castriños, coa renovación da capa de rodadura. Aproveitando o levantamento da rúa o Concello acometerá tamén a renovación dos servizos de fecais e de abastecemento de auga, ademáis de facer un novo colector de pluviais para evitar que as augas da chuvia contribúan ao deterioro do pavimento. O proxecto contempla tamén a canalización dos servizos de enerxía eléctrica, alumeado público e telecomunicacións. Finalmente realizarase o pintado da nova distribución de estacionamento.

O concelleiro de Servizos, Luís Arosa, recoñece que era urxente reordenar a seguridade peonil neste vial, que acumula un visible desgaste. "Esta actuación permítenos avanzar no noso proxecto global de transformación das superficies públicas para gañar espazo e seguridade para as persoas. Nesa liña van todas as actuacións que estamos a acometer", dixo o concelleiro.