O Concello de Barro asumirá en 2017 a xestión directa do "mercadillo" ambulante

Barro
28 de maio 2016

Ata agora o "mercadillo" ambulante de Barro está xestionado pola Asociación de Empresarios e Comerciantes de Galicia que está vinculada aos "Morones", o clan que lidera Sinaí Giménez e o seu pai Olegario, que actualmente se atopan en prisión provisional

Sinaí Jiménez
Sinaí Jiménez / Mónica Patxot

O próximo mes de marzo de 2017 o Concello de Barro asumirá a xestión directa da feira ambulante que se desenvolve cada domingo.

Ata agora o "mercadillo" ambulante de Barro está xestionado pola Asociación de Empresarios e Comerciantes de Galicia que está vinculada aos "Morones", o clan que lidera Sinaí Giménez e o seu pai Olegario, que actualmente se atopan en prisión provisional, acusados dos presuntos delitos de organización criminal, extorsión, coaccións ou ameazas, contra a Seguridade Social e branqueo de capitais.  Foi o anterior goberno municipal de Barro, baixo o mandato do alcalde do Partido Popular, José Landín Eirín, quen lles outorgou esta concesión.

O actual alcalde, Xosé Manuel Abraldes, informou este venres en rolda de prensa do inicio da tramitación para reverter esta xestión en mans municipais. No contrato con esta asociación figura que a rescisión terá que ser comunicada cun mínimo de seis meses de anterioridade, polo que o goberno local de Barro decidiu informar xa da súa decisión e iniciar o proceso con tempo dabondo para tratar de evitar calquera tipo de problemas xurídicos derivados desta medida.

O Concello de Barro aprobou recentemente unha ordenanza que regula a venda ambulante no municipio e o mercadillo dos domingos.  O seguinte paso foi enviar comunicación a este colectivo de non renovar o contrato en vigor coa Asociación dos "Morones".

"Queremos tratar de dar normalidade a unha situación que ata agora non ten", dixo o alcalde de Barro.

"Queremos tratar de dar normalidade a unha situación que ata agora non ten", dixo o alcalde de Barro

"A idea é que a feira non siga en mans desta empresa para impedir os problemas xenerados durante os últimos anos", nos que o alcalde sinalou a existencia de falta de pagamentos, irregularidades na documentación preceptiva e outros incumprimentos desta asociación que daba autorizacións aos vendedores que pretendían instalarse no recinto de San Antoniño excluíndo a quen non aceptaban as súas normas como o grupo coñecido como os "zamoranos", aos que estaba prohibida a súa presenza en Barro por parte do grupo de Sinaí Jiménez, "iso queremos zanxalo", destacou o alcalde.

"Era un dous obxectivos que tiñamos claros cando entramos non goberno", dixo o rexedor nacionalista, "o actual modelo para nos non é o correcto".