O Concello de Barro sumouse este luns á condena polo presunto homicidio de Jessica Méndez Iglesias nesta localidade e, como fan colectivos feministas e o Concello de Pontevedra, tamén considera que todo apunta a que o caso é un "feminicidio"
A administración local pide que se realice unha investigación "exhaustiva" que "verta luz" sobre un caso que, de se confirmaren todos os indicios, consideran que "vai máis alá dun accidente de tráfico". Cabe lembrar que José Eirín está investigado por presuntamente matar a Jessica empotrando o seu coche contra o da moza en Porráns e foi detido pola Garda Civil por homicidio doloso e enviado a prisión por homicidio ou asasinato, pendente de concretar. .
O Concello de Barro considera que coa confirmación das liñas de investigación que se están levando a cabo as forzas de seguridade, "trataríase dun caso claro de feminicidio".
"Desgrazadamente, a vida de Jessica Méndez xa non se pode devolver, mais a súa familia, seres queridos e toda a sociedade, necesitan que se esclarezan todas as causas", sinalou o Concello a través dun comunicado.
Piden tamén "que se faga xustiza" e condenan "rotunda e taxantemente" calquera tipo de violencia machista e en calquera das súas expresións.
Ademais, fanlle chegar o seu cariño e respaldo á familia de Jessica Méndez "nestes intres de tanta dor e desolación".