O Concello de Barro quere seguir modernizando a rede de iluminación pública con 500 novas luces LED

Barro
05 de novembro 2021

O Concello de Barro anunciou este venres que solicitará unha subvención valorada en 262.583 euros para seguir modernizando a rede de iluminación pública, coa renovación dos cadros de mando e a substitución de 513 luminarias por unhas novas de tecnoloxía LED

Luminarias LED no polígono de Sequeiros
Luminarias LED no polígono de Sequeiros

O Concello de Barro anunciou este venres que solicitará unha subvención valorada en 262.583 euros para seguir modernizando a rede de iluminación pública, coa renovación dos cadros de mando e a substitución de 513 luminarias por unhas novas de tecnoloxía LED.

Para o Goberno municipal o aforro enerxético e a redución da pegada de carbono é unha prioridade, polo que aposta decididamente pola implantación da tecnoloxía LED en todo o termo municipal, un sistema co que se garante un 45% do aforro enerxético.

A axuda vaina pedir ao Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dentro do programa DOUS 5000, segundo informou o Concello a través dun comunicado.

Esta subvención permitiría ao Goberno local a renovación e modernización dos cadros eléctricos e a implantación de máis de 500 novos puntos LED, que se virían sumar aos 243 xa en funcionamento e aos 402 que xa están aprobados e pendentes de executar. Tamén se sumarían un total de 1.156 luminarias substituídas por unhas modernas de baixo consumo e alto rendemento.