O Concello de Bueu colabora con Aqualia na renovación do abastecemento de auga en Meáns

Bueu
30 de setembro 2021

Estes días rematouse unha actuación de subministro de auga na Avenida da Barca e proximamente mellorarase outro tramo en Curraces  

Obras de abastecemento de auga en Meáns, en Bueu
Obras de abastecemento de auga en Meáns, en Bueu / Concello de Bueu

O Concello de Bueu e FCC Aqualia, empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga, acometen a ampliación do servizo no lugar das Meáns. As obras consisten na renovación da rede de tubaxes, cambio de válvulas e mellora de acometidas nun tramo de aproximadamente 200 metros, que se unirá a outro no que xa se actuara hai uns anos.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou este xoves as obras que se levan a cabo neste tramo e salientou que “hai unha demanda cada vez maior nos diversos lugares do municipio, e seguiremos traballando para ir dotando as vivendas deste servizo básico fundamental”. 

No marco deste plan de traballo conxunto entre a concesionaria e o Concello, a semana pasada ultimouse a renovación da rede de abastecemento na Avenida da Barca, xusto onde a Axencia Galega de Infraestruturas vén de substituír as lousas dun tramo de beirarrúa que se atopaba en moi mal estado; e tamén na zona de Vilar, na parroquia de Beluso.

Proximamente continuarase coa ampliación da rede de abastecemento no lugar de Curraces, en Montemogos (Beluso), nun camiño próximo á antiga escola unitaria que se utiliza na actualidade como centro sociocultural. “É prioritario para nós como Concello actuar nos lugares de vida das persoas”, apunta o rexedor bueués.