O Concello de Bueu súmase á reclamación de máis pediatras e matronas

Bueu
20 de novembro 2020

Coincidindo co Día Mundial da Infancia desenvólvese unha concentración telemática a pedimento de profesionais sanitarios e que apoia o goberno local de Bueu

Grupo de governo de Bueu en apoio ao movimento #PediatrasXa #MatronasXa
Grupo de governo de Bueu en apoio ao movimento #PediatrasXa #MatronasXa / Concello de Bueu

Facendo coincidir este 20 de novembro, Día Mundial da Infancia, profesionais sanitarios convocaban para esta xornada unha concentración telemática cos lemas #PediatrasXa #MatronasXa. As formacións do BNG e ACB que conforman o goberno local de Bueu, sumáronse á protesta virtual.

A iniciativa denuncia os "recortes devastadores que estamos a sufrir en Galicia nas áreas de Pediatría e Matronería, co que se vulnera un dereito fundamental dos nenos e nenas e das mulleres embarazadas: o dereito á saúde, que debería pasar por unha sanidade pública e de calidade".

Así o Concello de Bueu comparte nas súas redes sociais unha foto en branco e negro, na que aparecen os membros do grupo de goberno cos brazos en X. O alcalde, Félix Juncal, sinalaba "compartimos as demandas deste colectivo, sobre todo no que refire ao desmantelamento dos servizos públicos sanitarios nas áreas rurais".

#PediatrasXa #MatronasXa, é un movemento que xurdiu no municipio de Zas, onde estiveron tres meses sen pediatra, e estendeuse pola Costa da Morte. Actualmente teñen unha campaña de recollida de firmas aberta en Change.org. Este mes de novembro dirixíronse ao Concello solicitando o seu apoio para a defensa da Atención Primaria e a sanidade pública.