O Concello de Caldas acondiciona a Ponte Romana e a Vía XIX

Umia
12 de xuño 2020

O Concello de Caldas acaba de anunciar que continúa coa actuación sobre os bens patrimoniais do rural caldense e as súas contornas para poñelos en valor como recursos de interese e atractivo turístico de cara o próximo verán

Ponte Romana a Baxe
Ponte Romana a Baxe / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas acaba de anunciar que continúa coa actuación sobre os bens patrimoniais do rural caldense e as súas contornas para poñelos en valor como recursos de interese e atractivo turístico de cara o próximo verán.

No marco deste programa municipal iniciado nas pasadas semanas, persoal do Servizo de Medio Ambiente acondicionou, mediante traballos de limpeza e roce, a Ponte Romana da Baxe, no lugar de Segade e a Vía Romana XIX que dá acceso á ponte e atravesa o Umia neste punto da parroquia de San Andrés. Segundo o Concello, a eliminación de restos vexetais e maleza realizouse con medios manuais para garantir o correcto tratamento destas estruturas históricas catalogadas no PXOM e, por tanto, protexidas.

"Con esta serie de intervencións queremos fomentar a conservación e poñer en valor os múltiples recursos patrimoniais para que sexan un reclamo para a atracción de visitantes e, neste caso particular, se desfruten de maneira especial coa práctica do sendeirismo", explicou o edil de Medio Ambiente e Obras, Manuel González. "Aínda así", engadiu, "o obxectivo non é só incrementar o seu atractivo turístico, senón garantir tamén que estes bens estean nas mellores condicións para os veciños e veciñas da zona".

Tras esta intervención, o Concello ten previsto continuar nos próximos días con tarefas de limpeza na finca municipal da central hidroeléctrica de Segade e noutros elementos e espazos recreativos da parroquia de San Andrés, ao tempo que un arquitecto especialista está a realizar un estudo sobre a estrutura da ponte e outros edificios patrimoniais para definir o seu estado de conservación e detectar posibles carencias e necesidades.