"O Sergas deixa a atención sanitaria en Caldas baixo mínimos e é temerario". Así se pronuncia o tenente alcalde de Caldas, Manuel Fariña ante a falta de profesionais médicos e que "chegou a colapsar o centro de saúde". Así esixe á administración sanitaria que poña a debida cobertura e "deixe de xogar coa saúde da veciñanza".
De acordo á información que traslada o Concello de Caldas, a espera para ser atendidos por enfermidade, renovación de receitas ou parte de alta laboral demórase máis aló dos quince días. Tamén se engade que non se cubriu a xubilación do xefe de servizo polo que "luns, martes e mércores a súa axenda de pacientes queda sen atender" ou son outros médicos os que en ocos libres encárganse deles.
Engádese que hai outra médica de baixa "que se cobre parcialmente e só polas tardes". En Pediatría unha das doutoras "ten unha baixa de longa duración e outra acaba de causar tamén baixa". Isto fai que dita especialidade estea atendida por unha única pediatra "que conta con reforzos puntuais chegados doutros centros".
Ante a situación o representate nacionalista chama á poboación á protesta "porque a solución non é resignarse". En todo este contexto engade que a ambulancia medicalizada do Salnés "está desprazada en Sanxenxo e non hai nin houbo reforzo, a pesar de que en Caldas aumentou tamén a poboación durante o verán e foron as festas a semana pasada".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.