O Concello de Caldas de Reis valora positivamente o anteproxecto da ampliación do Instituto Aquis Celenis

Umia
18 de outubro 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este martes o instituto plurilingüe Aquis Celenis de Caldas de Reis, onde anunciou que os Orzamentos 2023, aprobados hoxe no Consello da Xunta, inclúen unha partida específica para a ampliación do centro. Ademais, explicou que a contía para esta actuación se eleva a 3,75 millóns de euros, 250.000 máis dos previstos inicialmente

Román Rodríguez visitou o instituto plurilingüe Aquis Celenis xunto ao alcalde Juan Manuel Rey
Román Rodríguez visitou o instituto plurilingüe Aquis Celenis xunto ao alcalde Juan Manuel Rey / Xunta de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este martes o instituto plurilingüe Aquis Celenis de Caldas de Reis, onde anunciou que os Orzamentos 2023, aprobados hoxe no Consello da Xunta, inclúen unha partida específica para a ampliación do centro. Ademais, explicou que a contía para esta actuación se eleva a 3,75 millóns de euros, 250.000 máis dos previstos inicialmente.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou que os 200.000 euros recollidos nas contas do ano que vén van dirixidos á redacción do proxecto de ampliación do instituto de Caldas, unha vez xa se asinou o correspondente convenio co Concello para a obtención dos terreos lindeiros para a habilitación dun aparcadoiro, para outorgar as licenzas e para a reurbanización, entre outras cuestións.

Tal e como sinalou Román Rodríguez, o obxectivo desta actuación é dar resposta ás necesidades de escolarización deste concello, toda vez que na actualidade o centro ten dúas aulas por cada curso de ESO e tres por cada curso de Bacharelato, "un total de 392 alumnos, o que obriga a ocupar todos os espazos dispoñibles, incluídos departamentos e salas de profesores ".

A ampliación do centro realizarase en vertical, é dicir, construíndo un novo andar sobre os xa existentes. Cunha superficie total construída de 2.372 metros cadrados, o novo espazo estará totalmente adaptado ás especificidades técnicas do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e dotado de aulas polivalentes para ESO e Bacharelato, aulas de música e debuxo e zona maker. Así mesmo, haberá unha zona para o uso docente, aseos, ximnasio e vestiarios.

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, valora moi positivamente o investimento previsto "polo que suporá de mellora e ampliación da oferta educativa en Caldas para toda a comarca" e lembra que "esta é unha proposta que fixen á Consellería no ano 2018 e, por suposto, o Concello mantén a súa disposición para colaborar no desenvolvemento do proxecto de ampliación". 

Neste senso o Concello prevé bonificar o 95% do imposto municipal de construcións, instalacións e obras, e contribuirá a mellorar os accesos ao Instituto para garantir a seguridade do alumnado e a acondicionar zonas de aparcamento, tal como acordouse no convenio asinado o pasado mes de abril.

Á espera de recibir o proxecto técnico da ampliación, o alcalde lamenta a demora do procedemento administrativo que supón que ata o ano próximo non sexan contratados pola Consellería os estudos técnicos e a redacción do proxecto de execución, valorados en 200.000 euros, e que a licitación das obras co investimento previsto de 3,5 millóns de euros se pospoña ata finais do 2023. 

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora