O Concello de Cerdedo-Cotobade destaca a creación de 60 postos de traballo neste 2019

Cerdedo Cotobade
28 de agosto 2019

A medida supón un lixeiro incremento no gasto de persoal, que o alcalde indica que "está controlada" e os esforzos municipais en materia laboral asegura que son para "mellorar a inserción e empregabilidade dos nosos veciños e reforzar os servizos públicos e a atención aos cidadáns"

Desbroce de camiños en Folgoso
Desbroce de camiños en Folgoso / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de contratar unha quincena de persoas para desenvolver as tarefas na Brigada Municipal de Obras. Todas elas se repartiron nos traballos de limpeza, as brigadas de prevención e extinción, a condución de motobomba e no Obradoiro de Emprego Lérez-Verdugo, onde destacan a modalidade Forestal e a Atención Sanitaria.

Estes empregados únense aos xa contratados durante os meses anteriores e suman un total de 60 persoas que saen do paro este 2019 pero, a prioridade do alcalde, Jorge Cubela, é "levar a desocupación por baixo do listón dos 300 veciños".

A medida supón un lixeiro incremento no gasto de persoal, segundo fontes municipais. Cubela aclarou que "esta circunstancia está controlada" e os esforzos en materia laboral son para "mellorar a inserción e empregabilidade dos nosos veciños e reforzar os servizos públicos e a atención aos cidadáns", concluíu o rexedor.