O Concello de Cerdedo-Cotobade fala de "adecuado servizo de recollida de lixo" ante as críticas

Cerdedo Cotobade
26 de agosto 2020

Esta semana o grupo municipal socialista denunciaba un incremento da acumulación de residuos nos contedores

Contedores desbordados en Cerdedo-Cotobade
Contedores desbordados en Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade defende que o servizo de recollida de lixo no municipio é "dos que mellor funcionan de toda a provincia, cunha periodicidade máis que regular e cuns niveis de reciclaxe e separación moi elevados, por encima case de todos os concellos, tal e como reflicten as estatísticas".

Con esta afirmación queren responder as críticas públicas que nos últimos días fixeron desde o grupo municipal socialista, afirmando que se está producindo un incremento da acumulación de residuos nos contedores, acompañando a súa denuncia cunha imaxe dos contedores de Carballedo. 

O goberno local replica que a fotografía corresponde "á primeira hora da mañá do luns de San Roque para deostar de forma inxustificada e falaz o servizo municipal de limpeza". Engade que "os contedores se baleiraron o venres e habilitouse un servizo extraordinario o luns a media mañá - como figura no informe do servizo - aínda que se trataba dun festivo local".

Engaden e lembran que o único problema en Carballedo é o incumprimento na recollida do papel e cartón; xa que a adxudicataria non cumpre cos prazos de retirada establecidos no prego de condicións. Unha circunstancia que se está tratando de resolver: "só resta un ano de contrato e estamos a analizar todas as opcións coa máxima prudencia e coa lei na man".