O Concello de Cuntis asume as obras de mellora na autonómica Rúa do Convento ante o seu mal estado

Umia
27 de xuño 2022

O goberno local indica que a actuación inclúe, ademáis dun novo pavimento e acabado estético en pedra, o cambio de tubaxes para auga e saneamento coa instalación de canalización para redes de telecomunicacións. O alcalde Manuel Campos lembra que a titularidade da vía pertence á Xunta de Galicia

Operarios municipais traballan na reforma da Rúa do Convento
Operarios municipais traballan na reforma da Rúa do Convento / Concello de Cuntis

Durante estas xornadas execútanse os traballos de renovación da beirarrúa da Rúa do Convento, situada na marxe esquerda da estrada PO-220, unha vía que pertence á Xunta de Galicia. Este luns, Manuel Campos, alcalde do municipio, e a tenente de alcalde Conchi Campos visitaban a zona e explicaban a urxencia da intervención debido ao mal estado que presentaba este especio.

As obras céntranse na mellora das beirarrúas con formigón puído, cun acabado de bordo de pedra do país. Ao mesmo tempo, o Concello decidiu renovar as tubaxes de auga e de saneamento. A elas súmanse agora outras dúas que permiten canalizar as instalacións eléctricas e as redes de telecomunicacións, segundo informan desde o goberno local.

A primeira fase realízase só na marxe esquerda e o alcalde indica que, ademais da solución estética, o importante é renovar de maneira integral os servizos e dotar dunha canle para que se facilite a instalación da fibra óptica, que nalgunhas zonas está a atopar graves dificultades para a súa expansión.

Campos lembra que a obra está á asumir o Concello con fondos propios e con persoal municipal contratado a través do Plan Concellos coa intención de atender unha reivindicación veciñal de tempo atrás. O rexedor anuncia tamén que xa comezou a segunda fase, que afectará á marxe dereito da estrada, cunha intervención nun espazo de 180 metros lineais.