O Concello de Marín anima á cidadanía ser familia acolledora de 'Vacacións en paz'

Marín
27 de agosto 2019

Fatimetu Suelim Brahim é a única nena do campamento de refuxiados que pasa a tempada estival no municipio de Marín. Faino por terceiro ano grazas a esta iniciativa promovida pola asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharauí

Recepción do Concello de Marín ás familias acolledoras do programa "Vacacións en paz"
Recepción do Concello de Marín ás familias acolledoras do programa "Vacacións en paz" / Concello de Marín

No marco do programa 'Vacacións en paz', organizado pola Coordinadora Estatal de Asociacións Solidarias co Sahara (CEAS Sahara), este ano viñeron a España uns 4.300 nenos saharauís.

Fatimetu Suelim Brahim é a única nena do campamento de refuxiados que pasa a tempada estival no municipio de Marín. Faino por terceiro ano grazas a esta iniciativa promovida pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

Este martes a alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira Marián Sanmartín, recibírona xunto á súa familia de acollida. Na recepción, tamén estivo outro neno que está cunha familia de Moaña, e ambos recibiron uns recordos da vila.

Fatimetu explicou que lle gustaría chegar a estudar Enfermería para poder ir ao campamento no que vive coa súa familia en Alxeria e axudar ás persoas que alí están.

Desde o Concello de Marín animaron á cidadanía a que respondan á chamada da solidariedade e que se fagan familias acolledoras. Aquelas persoas que estean interesadas poden poñerse en contacto coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, SOGAPS, no teléfono 986 26 26 37.