O Concello de Marín sobe unha marcha máis no servizo de atención ás persoas maiores do municipio. A través do departamento de Servizos Sociais, o goberno local segue ofrecendo a súa prestación a todos os beneficiarios dos diferentes programas de axuda a domicilio. Ademais, como reforzo, a alcaldesa María Ramallo informou que desde este luns poñen en marcha unha rolda de chamadas a todas as persoas maiores de 80 anos que viven soas ou son un matrimonio solitario para coñecer de primeira man o seu estado de saúde e as súas necesidades.
"Chamámolas para saber como están e se teñen algún problema ou necesidade que non poden cubrir debido ao confinamento. Neses casos, trataremos de abordar a situación a través dos servizos de Protección Civil", explicou a rexedora marinense. O goberno local está coordinado tamén coas oenegués da vila, que tamén están a prestar servizos de forma solidaria nesta situación, como é o Comedor Social que segue despachando comidas para todas aquelas persoas que se atopan en circunstancias de vulnerabilidade.
Doutra banda, a Policía Local de Marín tramitou durante a pasada fin de semana un total de vinte multas a cidadáns que incumpleron as medidas de confinamento recollidas no decreto de Estado de Alarma. Os axentes reiteran a necesidade de cumprir de forma estrita con todas estas medidas, de feito desde as redes sociais do Concello están tamén emitindo mensaxes lembrando todo aquilo que está prohibido nestas datas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.