A atención a persoas drogodependentes e a axuda á súa reinserción na sociedade é un traballo que se debe facer desde todos os estamentos sociais, incluídas as administración locais. Nese contexto, o Concello de Marín colabora coa Fundación Érguete-Integración no desenvolvemento de diversos programas destinados a axudar ás persoas que atende esta asociación.
Un deles, tal e como explicou esta mañá a concelleira Mónica Viqueira, é o programa Sísifo, “un programa de prevención que se dirixe a grupos de poboación con consumos activos ou a aqueles que exhiben factores de alto risco que incrementan as posibilidades de desenvolver un consumo prexudicial ou a adicción”.
"Trátase de actuar nese circuíto de rúa cunha iniciativa in situ”, que se realiza a través dunha furgoneta que se colocará na zona próxima ao cemiterio de barcos do Paseo Alcalde Blanco.
Desde alí, determínanse as necesidades sociais e psicolóxicas, así como as sanitarias, deste grupo de poboación. Dentro das accións que se desenvolven para cubrir estas necesidades está a de facilitar alimentos quentes, como café, galletas, algo de leite e bocadillos. Tamén produtos de hixiene tanto para homes como para mulleres.
Por outra banda, achégaselle aos usuarios deste servizo información sobre hábitos básicos de alimentación, hixiene e prevención de enfermidades e dánselles pautas para que saiban como acceder aos servizos de atención asistencial dos que poderían beneficiarse. Ademais, fan detección temperá de enfermidades como o VIH ou a hepatite, para garantir o seu correcto tratamento precoz.
Para todo isto, a furgoneta está dirixida por un equipo multidisciplinar formado por unha psicopedagoga, un psicólogo, traballadoras sociais, educadoras sociais e persoal auxiliar.
Ao final, entre os obxectivos que se perseguen, está tamén a identificación de situacións de risco que poden derivar en potenciais consumidores e tamén servir de ligazón cos Servizos Sociais do Concello para poder trasladarlles situación puntuais que lles trasladan os usuarios.
Por outra banda, a edila informou de que se asinou coa entidade un convenio de colaboración promovido para mellorar a empregabilidade das persoas en risco de exclusión social, facilitando a súa incorporación ao comprado laboral, mediante formación e prácticas en empresas.