O Concello de Marín lanza un proceso de participación para elaborar a súa Axenda Urbana

Marín
22 de novembro 2022

O goberno local anima á veciñanza a pensar en que máis queren para a vila en distintas áreas temáticas: territorio, sostibilidade dos recursos, mobilidade, cohesión social, economía, vivenda, innovación, dixitalización e participación

Imaxe corporativa da Axenda Urbana de Marín Concello de Marín

O Concello de Marín pon en marcha unha campaña a través da cal chamará á veciñanza a participar na elaboración da Axenda Urbana de Marín. Un documento estratéxico que definirá as liñas de actuación futura para a construción do Marín que a veciñanza desexa.

Un Marín máis resiliente, habitable, ecolóxico, seguro, inclusivo, dinámico, atractivo, conectado e aberto. Cada un destes adxectivos, explican desde o Goberno local, “responde ao Marín que queremos en función das liñas temáticas que tratamos na Axenda Urbana: a distribución do territorio, o urbanismo, a xestión sostible dos recursos, o fomento do desenvolvemento económico, as medidas sobre vivenda ou a dixitalización da administración".

Por iso, o xoves abrirase o portal axendaurbanamarin.com, a través do cal a veciñanza poderá acceder a unha enquisa online coa que participar no proceso de elaboración deste documento, que despois deberá ser aprobado no Pleno da Corporación.

Deste xeito, tal e como apuntan fontes municipais, “queremos abrir unha ventá de oportunidade para que todas as personas que así o desexen poidan optar a opinar sobre cales cren que son os retos e as iniciativas que debemos abordar de maneira máis urxente no que respecta a todos estes temas”.

Tal e como xa se avanzou nestes días, a esta enquisa online aberta a toda a cidadanía sumarase a convocatoria de tres mesas sectoriais de traballo nas que participarán representantes de entidades, asociacións, institucións e empresas relacionadas coa vida diaria de Marín.

Ademais, durante o xoves e o venres, realizaranse enquisas a pé de rúa para facilitar a participación de todas as persoas. A enquisa online, pola súa parte, estará a disposición da cidadanía a partir deste xoves e ata o 8 de decembro.

Desde o Concello presentaron esta mañá a que será a imaxe que acompañará a todo este proceso de participación e elaboración da Axenda Urbana, “de tal maneira que a veciñanza poida asociar rapidamente cales son os pasos que se dan dentro deste proceso”.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora