O Concello de Marín publica o protocolo de uso dos locais municipais

Marín
27 de agosto 2020

As asociacións culturais que desexen facer uso destas instalacións deben comunicalo antes do 15 de setembro detallando canta xente estará presente e que días desenvolveranse as actividades. O aforo limitarase para garantir a distancia de seguridade e o uso de máscara será sempre obrigatorio

Finca de Briz (Marín)
Finca de Briz (Marín)

O Concello de Marín segue avanzando na xestión da vida municipal neste contexto de pandemia global. Despois de presentar hai uns días os protocolos sanitarios para o uso das instalacións deportivas municipais, o goberno local presenta agora as normas de uso para os diferentes locais que son propiedade do Concello e que dan acubillo a asociacións culturais.

O documento afecta os locais do parque Azul de Cantodarea, a antiga aula de música, os salóns da Finca de Briz, o local social da Cañota, a antiga Cámara Agraria, a Casa de Cultura de Seixo, a Casa de Cultura de Mogor e os salóns de Méndez Núñez.

O goberno local busca establecer unha serie de normas e obrigacións para que as asociacións poidan manter a súa actividade con seguridade e cumprindo sempre as esixencias que conleva o estado de nova normalidade derivado da crise sanitaria da Covid-19.

Entre as normas básicas que se adoptan, destaca a obrigatoriedade de solicitar o uso da instalación antes do próximo 15 de setembro, indicando o número de horas e días de uso do local, detallando o número de asistentes que participarán nas actividades, quedando prohibida a entrada aos locais antes de dita data.

O uso da máscara será obrigatorio en todo momento e o aforo de cada local quedará limitado en función do seu tamaño, de maneira que sexa posible manter a distancia de seguridade entre os usuarios, sen superar nunca o 75 % do aforo.