O Concello de Marín reactiva as obras de humanización en Concepción Arenal

Pontevedra
15 de abril 2020

Segundo as previsións da administración local o proxecto estaría concluído a finais do mes de maio

Obras de humanización na rúa Concepción Arenal de Marín
Obras de humanización na rúa Concepción Arenal de Marín / Concello de Marín

As obras de humanización na rúa Concepción Areal de Marín volveron a tomar o seu pulso tras a paréntese de dúas semanas motivado polas medidas establecidas polo Goberno ante a crise sanitaria do COVID19. Segundo informa o Concello o proxecto reactivouse coa execución dos cruces transversais coas tubaxes de abastecemento e electricidade e co que concluirá a súa renovación.

Segundo a planificación establecida, a próxima semana e dependendo se as condicións meteorolóxicas permíteno, comezaríase coa execución dos tramos de estacionamento con formigón puído, así como a entrada á gasolineira. Ao mesmo tempo traballaríase en pequenos traballo de remate de pozos e arquetas.

Cara a finais de mes continuaríase coa pavimentación da rúa. Unha fase que se prolongaría durante catro días e á que seguirá a colocación de sinalización vertical, pintado da horizontal, instalación do mobiliario urbano e de xardinería. Se é posible cumprir coas estimacións municipais, o proxecto quedará concluído a finais de maio.