O Concello de Marín reparte 2.500 euros entre as oenegués para que os seus usuarios celebren o Nadal

Marín
14 de novembro 2019

O goberno local coopera con estes colectivos na organización da campaña de recollida de alimentos nos centros escolares que se realiza cada ano por estas datas

O Concello de Marín reparte cheques entre as oenegués do municipio
O Concello de Marín reparte cheques entre as oenegués do municipio / Concello de Marín

O Concello de Marín repartirá 2.500 euros en cheques para alimentos ás oenegués da vila. Esta acción está enmarcada na campaña de Nadal e ten como obxectivo facer que os usuarios destas asociacións poidan tamén gozar destas festas.

A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, anunciou este xoves a entrega de 500 euros ao comedor benéfico e a Cáritas. Mentres que a SOS, Sor Elvira e Amenac entregaranlles 450 euros a cada unha; e a Cáritas Santomé, 150 euros. Os fondos decidíronse en proporción ao número de familias que atende cada organización.

A entrega dos cheques a representantes de cada un dos colectivos beneficiados produciuse esta mañá. A concelleira aproveitou a visita para facerlles entrega tamén do material de promoción e organización da campaña de recollida de alimentos nos centros educativos que comezará o 2 de decembro e concluirá o día 19 do mesmo mes.

CENTRO DE ALZHEIMER

O novo centro terapéutico para persoas con Alzheimer ou outro tipo de demencias entrará en funcionamento o vindeiro luns, día 18. Esta instalación impulsada por Afapo e o Concello centrarase na organización de obradoiros de intervención terapéutica onde os participantes realizarán actividades cognitivas, funcionais, motrices e socializadoras.

Esta iniciativa será gratuíta para os usuarios que ocupen as 15 prazas ofertadas. Será o Concello o que asuma todos os custos e desde o goberno local informan que aínda queda unha praza de matrícula vacante.