O Concello de Moraña arranxará un camiño municipal para despexar o rego de Grixó

Umia
15 de novembro 2021

A actuación vén de ser adxudicada por un importe superior aos 16.000 euros e incluirá, ademais da mellora do paso para respectar a canle do rego, unha repavimentación da zona do camiño municipal que une o centro urbano de Moraña co lugar de Grixó

Camiño municipal no lugar de Grixó (Moraña) onde se vai executar a obra
Camiño municipal no lugar de Grixó (Moraña) onde se vai executar a obra / Concello de Moraña

O Concello de Moraña levará a cabo a reparación do tramo de camiño municipal no que existe un paso para o rego de Grixó, onde se detectou unha conexión deficiente dun afluente co leito. Este camiño, que une o centro urbano de Moraña co lugar de Grixó, atópase na parroquia de Lamas.

Segundo se indica na memoria do proxecto, no punto no que se levará a cabo a actuación había un problema co oco executado no lateral do paso, que non é alcanzado pola canle do afluente que conecta co rego de Grixó. Debido a isto, prodúcense con frecuencia problemas no camiño.

Por este motivo, o Concello encargou a actuación no paso actual do afluente, para ademais mellorar a seguridade viaria, aumentando a calidade do servizo e deixando en perfectas condicións a zona de paso dos vehículos, á vez que se mantén o leito natural do afluente do rego.

Deste xeito, demolerase todo o tramo afectado e se colocará un novo marco de formigón armado. Posteriormente, pavimentarase o firme nese punto e rematarase coa execución da obra, que ten un prazo dun mes para a realización dos traballos.

Desde o Concello de Moraña infórmase de que as obras veñen de ser adxudicadas por un importe de 16.391,75 euros.