O Concello de Poio propón a creación dunha mesa de traballo dirixida a poñer solución de forma definitiva á problemática do poboado de O Vao. Nun escrito remitido á Subdelegación do Goberno, ao delegado do Goberno e á Xunta, o executivo local busca a implicación das institucións para buscar alternativas que poñan fin aos problemas de convivencia.
Actualmente está en marcha a mesa local de seguridade, na que Concello e Subdelegación cooperan, pero a concelleira responsable deste departamento, Marga Caldas, entende que "a labor que realiza é insuficiente e temos que dar un paso máis e consideramos unha mesa de traballo con todas as institucións axudaría a atopar máis alternativas á hora de buscar vías que resolvan unha situación que non se limita exclusivamente ao ámbito policial, tamén precísanse actuacións urbanísticas, sociais e de saúde pública", remarca.
Doutra banda, avanzan os trámites para a demolición dunha infraestrutura situada en O Vao de Arriba na que é habitual o trapicheo. "O acordo co propietario está pechado, só resta formalizar O contrato", sinala a edila.
Lembran desde o Concello que se presentará como acusación particular no proceso xudicial contra os responsables da agresión realizada por habitantes do poboado a dous axentes da Policía Local a principios de maio. Os integrantes do corpo de seguridade aínda permanecen de baixa na actualidade, recuperándose das lesións sufridas.