O Concello de Poio prevé un remanente de tesourería de máis de 2 millóns de euros

Poio
22 de decembro 2021

O Goberno local aprobou inicialmente o Orzamento máis alto da historia de Poio (13,4 millóns de euros) cos votos en contra do PP. As contas contemplan incrementos en departamentos como Servizos Sociais, que contará cun orzamento de 1,3 millóns de euros, o equivalente ao 10% da contía total, e garanten os servizos básicos

Chelo Besada, Luciano Sobral e Silvia Díaz
Chelo Besada, Luciano Sobral e Silvia Díaz / PontevedraViva

O Pleno da Corporación aprobou na súa sesión ordinaria de decembro, cos votos a favor do Goberno local (BNG + PSOE + Avante Poio) e os votos en contra do Partido Popular, o Orzamento municipal máis alto da historia do municipio. 

As contas para 2022 ascenden a 13,47 millóns de euros, o que se traduce nun crecemento do 3,5% con respecto ao exercicio actual (unha suba de preto de 500.000 euros). 

Segundo o Goberno local, este orzamento foi elaborado "en base a criterios realistas e prudentes, inclúe unha suba para Servizos Sociais e garante os servizos básicos e a organización de actividades lúdicas, deportivas e socioculturais, mantendo, ademais, unha política de conxelación de taxas e impostos que leva vixente desde hai case unha década".

Durante o debate previo a esta aprobación inicial, o concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, adiantou que as previsións sobre a liquidación do ano 2021 adiantan a dotación dun remanente de tesourería que pode superar os dous millóns de euros, o que "garante a realización de proxectos e actuacións moi importantes ao longo do vindeiro exercicio e que xa se atopan en tramitación". 

"Garante a realización de proxectos e actuacións moi importantes ao longo do vindeiro exercicio", dixo Xulio Barreiro

Ademais, os dirixentes municipais lembraron que o apartado de investimentos (638.000 euros, un 12% máis que no Orzamento actual) serán destinados á obtención de fondos que se tramiten ante diferentes institucións.

Outra cuestión na que fai fincapé o Goberno local é nos 1,3 millóns que se destinan a Servizos Sociais, o equivalente ao 10% do Orzamento. Sobre esta cuestión, o equipo de Goberno criticou as afirmacións realizadas polo PP sobre os investimentos que a Xunta de Galicia fai neste eido. O edil de Facenda aclarou que as achegas da Administración autonómica para este departamento ascenden a 358.000 euros, o 27% da contía total que figura na partida municipal. "É algo que está cuantificado e non admite discusión", recalcou.

O Goberno local tamén amosou a súa sorpresa polo feito de que os populares consideren que a aprobación das contas "chegue tarde". "Somos un dos primeiros concellos da provincia de Pontevedra en aprobar o Orzamento do vindeiro ano, antes de que remate o actual. É unha acusación moi pouco seria", sinalan os dirixentes locais, que tamén censuran os "augurios apocalípticos" que realiza o PP sobre a estabilidade económica do Concello. 

"Levan 25 anos votando en contra das partidas anuais, anunciando catástrofes e, pola contra, seguimos a manter unha tendencia de crecemento consolidada desde hai máis de dez anos", finalizan. Con respecto á débeda municipal, pecharase 2022 cun 64%, a mesma porcentaxe que ao comezo do ano, xa que o novo préstamo a solicitar de 600.000 euros compensaranse coa amortización, da mesma cantidade, doutro crédito previo. A normativa actual contempla a posibilidade de aumentar o endebedamento ata o 110%, escenario que o Goberno local “non contempla”. Pola contra, explican, o novo préstamo permitirá axilizar a compra de material e maquinaria necesaria para a realización de diferentes traballos de mantemento e limpeza, entre outras actuacións.

"Chegan tarde, non son participativos nin transparentes, están incompletos", dixo Angel Moldes

Pola súa banda os populares criticaron que "son uns presupostos ‘ADN Tripartito’: chegan tarde, non son participativos nin transparentes, están incompletos e nos que tan so un 4,74% do mesmo (638.000 euros) de todo o orzamento vai destinado a investimentos e a día de hoxe non hai nin un so euro e por iso, como xa anunciaron, van solicitar outro préstamo bancario", indicou Ángel Moldes.

"Chega tarde xa que estamos fora dos prazos legalmente establecidos polo que comezaremos o ano sen orzamento, non hai participación xa que non falaron con ninguén nin colectivos profesionais, veciñais, culturais, deportivos... e moito menos co partido da oposición", indicou Moldes.

"O Tripartito pecha o ano 2021 e abre o ano 2022 coa maior débeda da historia, sendo o Concello máis endebedado da provincia de Pontevedra e o cuarto de Galicia cunha cantidade que ascende a 7.972.286 euros a día de hoxe ao que hai que engadir os 613.000 euros do novo préstamos unha cantidade total que ascenderá a 8.585.286 euros", resume Moldes.