O Concello de Poio programa novas obras en Viñas, As Laxes, Tarrío e Arén

Poio
24 de febreiro 2023

O Concello solicitará fondos provinciais para a redacción do proxecto e se estima que o valor das obras, que afectarán a unha superficie total superior aos 6.000 metros cadrados, será dun millón de euros

O concelleiro Gregorio Agís na zona de San Salvador
O concelleiro Gregorio Agís na zona de San Salvador / Concello de Poio

A Concellería de Urbanismo e Promoción Económica, dirixida por Gregorio Agís, proxecta tres novas actuacións nas inmediacións do CEIP Viñas (San Salvador), e nos lugares de As Laxes, Tarrío e Arén (parroquia de Samieira).

Estes proxectos abarcarán unha superficie superior aos 6.500 metros cadrados en diferentes zonas do termo municipal. 

O Concello de Poio solicitará o financiamento da Deputación de Pontevedra para a redacción dos devanditos proxectos. 

Segundo Gregorio Agís, "son obras que están valoradas en total en máis dun millón de euros e que, sen dúbida, suporán unha transformación e unha mellora evidente na calidade de vida da veciñanza".

Tal e como consta na documentación elaborada polos técnicos municipais, apostarase pola dotación de plataforma única, fomentando a mobilidade peonil e dándolle prioridade sobre o tráfico rodado. As actuacións basearanse, asemade, no respecto polos activos paisaxísticos, culturais e patrimoniais, acorde cos valores dos habitantes do municipio.

Gregorio Agís entende que estas actuacións son "necesarias", habida conta de que tamén contemplan a renovación de servizos básicos como saneamento e abastecemento, a maiores da instalación de mobiliario urbano e alumeado eficiente.