O Concello de Poio reforza as medidas de seguridade e control

Poio
12 de setembro 2020

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, compareceu este sábado para dar conta, xunto á edil de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, das medidas que o Concello aplicará, a modo de reforzo, durante os días que permanezan vixentes as restricións decretadas pola Xunta de Galicia, por mor da expansión da Covid-19, e que entrarán en vigor a partires da medianoite deste domingo  

Marga Caldas e Luciano Sobral
Marga Caldas e Luciano Sobral

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, compareceu este sábado para dar conta, xunto á edil de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, das medidas que o Concello aplicará, a modo de reforzo, durante os días que permanezan vixentes as restricións decretadas pola Xunta de Galicia, por mor da expansión da Covid-19, e que entrarán en vigor a partires da medianoite deste domingo.

O rexedor transmitiu en nome do Goberno local unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza, apelando, ademais, á responsabilidade de todos "para cumprir con estas directrices. Son medidas necesarias e confiamos en que a cidadanía respecte as normas hixiénicas, de distanciamento e de cumprimento de aforo que se establece". 

Sinalou, ademais, que o Sergas comunicou, vía telefónica, que o pasado venres eran 29 as persoas infectadas, 15 máis co día anterior.

Precisamente, neste incremento en 24 horas radica a razón pola cal a Xunta decidiu incluír a Poio entre os concellos con restricións a maiores. Sobral puntualizou que "todas estas persoas recupéranse nos seus domicilios" e adiantou que o Sergas non ofrecerá máis datos oficiais ata luns. 

"Estas medidas quedarán en vixencia ata a vindeira fin de semana. Confiamos en que a evolución sexa positiva e poidamos retornar á nova normalidade canto antes", desexou.

Pola súa banda, Marga Caldas enumerou as medidas a maiores que o Concello aplicará estes días. Ademais de realizar un seguimento constante da situación e ir adoptando máis decisións en caso de que sexa necesario, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil encargarase de realizar a recollida de lixo a persoas en risco que estean recuperándose da enfermidade en cuarentena, ademais de prestar servizo de atención a persoas maiores, no que a compras ou outras xestións se refire. 

Ademais, procédese á suspensión de eventos culturais, deportivos e festivos dos vindeiros días, que poderán retomarse en función de como evolucione a situación.

A concelleira de Seguridade sinalou tamén que a Policía Local ampliará o seu servizo ata a noite e activará un dispositivo especial de control de espazos públicos e privados, aforo en praias e para velar polo cumprimento do aforo (50% en interiores e, no caso da hostalería, sen utilización da barra). 

A maiores, vólvese a activar o teléfono de información para a cidadanía, no que se poden realizar consultas relacionadas coa pandemia (604037060).

O vindeiro martes, ademais, convocarase a Comisión de Seguimento da Covid-19 e, nos días posteriores, haberá unha xunta de voceiros para dar parte a todos os grupos da Corporación da situación e das medidas realizadas. 

Caldas Moreira lembrou que "xa fomos tomando decisións e impulsando actuacións desde o momento no que tivemos constancia de algúns casos, a pesar de que non tivemos información ninguha por parte da Xunta". Neste sentido, Luciano Sobral expresou o seu desexo de que exista "unha comunicación fluída" entre as administracións para "actuar do xeito máis eficiente posible".

 

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora